Cristalería y carpintería de aluminio en A Coruña

Definicións e datos técnicos

VIDRO MONOLÍTICO

Denominamos vidro monolítico a aquel constituído por unha única lámina de vidro para diferencialo do vidro composto constituído por dous ou máis láminas, como sucede co vidro de seguridade laminado, ou co dobre acristalamento.
Dentro dos monolíticos encontramos infinidade de variedades.
O denominado vidro recocido ou float, (en referencia ao seu proceso de fabricación) pode ser incoloro, que é o vidro común utilizado comercialmente e que encontramos en espesores dende 2 a 19 mm, de cor (gris, verde, bronce, etc ) ou extraclaro, que é un vidro con baixo contido en óxidos de ferro e especialmente nítido, xa que non presenta a tonalidade verde propia dos vidros.
Os vidros decorados tamén encóntranse neste grupo, con infinidade de motivos e texturas que xa veñen imprimidos ou gravados de fábrica, tales como por exemplo e só por citar algúns deles, o delta, o escarcha ou o picks. Os vidros armados (con arame no seu interior), os vidros mateados ao ácido ou ao chorro de area, ou os vidros lacados, tamén se encontran dentro dos vidros monolíticos.

VIDRO LAMINADO

O vidro laminado componse de dous ou máis follas de vidro monolítico unidas entre elas grazas a unha ou máis láminas dun polímero plástico (Butiral de polivinilo), mediante un procedemento térmico e de presión. Considérase un vidro de seguridade xa que ao romper, os anacos permanecen adheridos á mencionada lámina, sen desprenderse e evitando así o risco de producir lesións.
Variando o tipo, o número de vidros e butirais, a función e o aspecto necesarios en cada ámbito e aplicación, podemos crear diferentes composicións que nos darán diferentes prestacións: antiagresión, antirroubo, antibala, illamento acústico, control térmico, control solar, decorativos, etc.

VIDRO TEMPLADO

O vidro templado fabrícase a partir dun vidro normal ou flotado, o cal se quenta gradualmente ata unha temperatura de abrandamento para despois arrefrialo moi rapidamente con aire. Este proceso consegue que o vidro quede exposto na súa superficie a tensións de compresión e no interior a tensións de tracción, conferíndolle maior resistencia estrutural e ao impacto que o vidro monolítico normal, tendo a vantaxe adicional de que en caso de rotura se fragmenta en anacos moi pequenos, polo cal se lle considera tambien vidro de seguridade.
Todas as manufacturas que sexa necesario realizarlle ao vidro, xa sexan trades, marcas, canteados, etc. deberán ser practicadas previamente ao proceso de templado..
Entre as propiedades físico-químicas máis importantes que adquire o vidro cando é templado destacan:
- A resistencia á flexión do vidro recocido ao temperalo aumenta considerablemente, o que o fai 4 ou 5 veces máis resistente que un vidro normal.
- A resistencia ao choque térmico (diferenza de temperatura entre unha cara e outra dun pano que produce a rotura deste) pasa de 60ºC a 240ºC.
O vidro templado pódese laminar para obter así un vidro de altas prestacións dende o punto de vista da seguridade.

DOBRE ACRISTALAMENTO

O dobre acristalamento está formado por dous ou máis vidros, separados entre si por unha cámara de aire deshidratado (ou con gases pesados tipo Argon ou Cripton), constituíndo un excelente illante térmico e acústico e reducindo as condensacións sobre o vidro interior.
A separación entre os vidros está definida por un perfil separador de aluminio e no interior se aloxa un produto desecante e a estanquidade está asegurada por un dobre selado perimetral a base de sellantes orgánicos
O primeiro selado realízase sobre o perfil separador, con butilo, con anterioridade á montaxe dos vidros, mentres o segundo selado se leva a cabo con polisulfuro unha vez ensamblados os vidros sobre o perfil separador.

En función das necesidades requiridas nunha construción e dos tipos de vidros que se lle incorporen á súa estrutura, o dobre acristalamento mellora as súas prestacións, xa que posibilita infinidade de combinacións óptimas de deseño, illamento, protección física e/ou acústica, control solar:

  • Mediante a incorporación na súa composición de vidros de control solar e/ou baixo emisivos, contrólase e regula o paso de luz, protexendo ademais tanto do frío coma da calor.
  • Incorporando ao dobre acristalamento un vidro de seguridade (laminado ou templado) evítase o risco de accidentes por roturas, caídas ou cortes.
  • Coa utilización de vidro laminado acústico, redúcese os ruídos exteriores, mellorando as condicións de habitabilidade.
  • Pode usarse como elemento de decoración mediante a incorporación de vidros decorados, vidros lacados, vidros laminados de cor, vidros gravados, etc.
  • O dobre acristalamento colabora no mantemento e mellora do medio, pois reduce as emisións contaminantes e CO2 grazas á redución de consumos enerxéticos que propicia (calefacción e aire acondicionado).

 

Camarglass